A Escola Rosalía de Castro foi fundada por Antía Cal Vázquez no mes de setembro de 1961. A súa primeira localización, de maneira provisional, foi na rúa Pizarro, e xa no curso seguinte, en 1962, abriu as portas o edificio da Gran Vía.

Tras uns inicios cheos de ilusión e moito traballo, vaise consolidando o proxecto e en 1976 froito da necesidade de medrar e ter máis espazos sitúase na Pedra-Bembrive, lugar que segue a ocupar na actualidade. 

Ao longo destes anos moitos foron os cambios na Escola: estruturais (como a construcción do pavillón, a reforma do infantil, as pistas deportivas, cambios na distribución das aulas…) ou no currículpo polas diferentes reformas educativas (LOXSE, LOCE, LOMCE…). Pese a todo isto Rosalía logrou manter a súa identidade diferenciada de todos os demais centros da nosa contorna.

Foi esa mesma identidade e traballo en prol da cultura, da educación en liberdade e da galeguidade, a que conseguiu que no ano 2011 o Concello de Vigo recoñecera a Escola como ”Vigueses distinguidos” no seu 50 aniversario.

Xa no ano 2013 constitúese a Fundación Escola Rosalía, seguindo o modelo educativo da fundadora, Antía Cal. Para funcionar como nexo entre Rosalía e a sociedade civil, promovendo o espírito de confraternidade, relacións, axuda e colaboración entre todos os membros da comunidade educativa.

Na actualidade a Escola continúa na procura dun ambiente que proporcione seguridade e afecto, ofrecendo unha Escola acolledora para que cadaquén poida ir construíndo unha imaxe axustada e positiva de si mesmo, tendo sempre en conta as diferenzas individuais. Unha educación participativa, activa, científica, non sexista, que provoque a análise e constrúa coa crítica en positivo.

 “A educación non consiste en guiar sen cesar o neno, a quen non se lle pide máis que docilidade. Educar consiste esencialmente en facer do neno un ser razoable e autónomo”.

Dr. André Berge.