Filosofía e influencias
Son moitas as influencias que de xeito xeral ten esta Escola e todas froito da experiencia, observación, diálogo e formación ao longo de máis de 50 anos de historia. Foi Antía Cal, quen nos inicios da Escola Rosalía de Castro, fixou a atención do profesorado nas nenas e nenos que os rodeaban. O alumnado tiña que ser tratado como o centro das actuacións, e o proceso formativo-educativo que o rodeaba, tiña que moldearse a este.
Dende os inicios, os distintos ritmos do proceso de aprendizaxe na Escola Rosalía fóronse adaptando e achegándose á realidade de cada neno e nena. A lingua inglesa tivo un lugar destacado e Tita foi consciente disto logo de acompañar a Antón Beiras por toda Europa. A importancia do dominio das linguas era algo fundamental na formación do alumnado. Foi da man de Mr. Mann nun principio e con Dorothy dándolle forma, como a lingua inglesa foi acadando un lugar destacable nestes inicios da Escola Rosalía de Castro.
A aprendizaxe baseada na experiencia e o contacto coa realidade marcou o día a día nunha Escola que en todo momento tratou de adaptarse ás necesidades que foron xurdindo.
Logo destes primeiros inicios, non podemos deixar de facer referencia a algúns dos momentos que marcaron a evolución da Escola e que pola importancia que teñen merecen que se destaquen sobre outros.
A formación en Cataluña buscando referencias na Asociación Rosa Sensat estivo presente dende os primeiros pasos da Escola. Tita, a fundadora da Escola Rosalía de Castro, e moito profesorado da mesma, asistía periodicamente a cursos de verán, nos que se formaban e intercambiaban experiencias, entre outros, con Marta Mata (lingua), María Antonia Canals (matemáticas), Pilar Benenjants (Sociais), María Antonia Pujol, Eduardo Majans(psicomotricidade), Jordi Soletura (Historia), … froito de tantas visitas, fóronse forxando as bases máis sólidas da nosa Escola e que perduran até o día de hoxe.
Por outra banda anos despois en Madrid xurdiu Acción Educativa, que era outro lugar de encontro para o profesorado con inquedanzas pedagóxicas na vangarda daquel momento. Nese grupo colaboraba xente de Rosa Sensat, e a nosa compañeira Elvira Martínez era parte integrante dos formadores. Un grupo importante do profesorado do Rosalía tamén estivo asistindo durante varios anos en Madrid ás xornadas de formación.
Con posterioridade e froito destas experiencias formáronse grupos de traballo sobre psicoloxía evolutiva, traballo de biblioteca, matemáticas, ritmo e movemento, expresión plástica,… que se reunían na Escola Rosalía (primeiro no edificio da Gran Vía e logo déuselle continuidade no edificio actual). Estes grupos estaban formados tanto por profesorado da nosa Escola como doutros centros.
Dende Montessori e a súa metodoloxía, a aprendizaxe baseada en proxectos, a aprendizaxe cooperativa, as Flipped learning ou a gamificación o profesorado da Escola mantén un contacto permanente con todo o que o pode axudar e guiar no proceso de formación, collendo en cada momento o que mellor se adapta ao alumnado e o que que máis útil pode ser.
Fuximos de modas e procuramos facer os cambios precisos tras valoracións concienciudas. Somos conscientes de que non hai unha única verdade nin unha única realidade en cuestións educativas. A experiencia dunha formación efectiva e cuns resultados finais dos que estamos enormemente orgullosos, fan que continuemos apostando por unha metodoloxía Rosaliana que durante tantos anos foi referente na nosa comunidade.
Esta longa experiencia de formación que foi forxando a filosofía do centro tamén se estendeu ás familias a través da Escola de Pais. Estas charlas que se ofrecen ás familias, axúdanas a que poidan entender a evolución dos seus fillos nas distintas etapas polas que van pasando.
O paso dos anos non fixo máis que asentar todas estas ideas.