Bacharelato na nosa escola

Na Escola Rosalía de Castro sabemos que o Bacharelato marca o final do camiño do noso alumnado na Escola pero tamén queremos que sexa o comezo dun futuro cheo de ilusión.

A etapa de Bacharelato supón o paso dos nosos alumnos e alumnas cara á idade adulta, e este é o tempo de asumiren as responsabilidades, de xuntaren o esforzo para acadar os obxectivos desexados con momentos de convivencia, reflexión, traballo compartido, experiencias e alegría. Pero tamén desexamos que sirva para abrirlle as portas a un prometedor futuro a nivel persoal e profesional.

As principais dificultades non residen nos contidos teóricos, senón en aprender a lidar coa presión, e pór en valor o traballo cotián. Por suposto, todo o profesorado e o Departamento de Orientación da Escola estamos ao seu carón para acompañar os nosos alumnos e alumnas nesta parte final do camiño.

O paso polas etapas anteriores axuda a que o noso alumnado sexa autónomo e poida afrontar o Bacharelato cunha boa preparación e vaia adquirindo, paseniñamente, maior seguridade e confianza. Non debemos esquecer que no Bacharelato recollemos os froitos do traballo realizado por todos os docentes e educadores da nosa Escola, dende a Educación Infantil, a Educación e Primaria, a Educación Secundaria Obrigatoria e de todas as actividades que contribuíron a formar as persoas que agora son e as que serán.

Dende a Escola pensamos que a mellor receita para o éxito é o traballo en equipo, onde o alumnado, o profesorado e as familias miremos na mesma dirección, sabendo que os resultados finais adoitan ser reflexo do traballo cotián, do esforzo no día a día, e da incorporación de saberes e actitudes que se foron adquirindo dende os primeiros anos de educación.

Hai máis de cincuenta anos que a Escola Rosalía de Castro educa as xeracións do futuro, pero tamén as do presente, día tras día e ano tras ano. No Bacharelato seguimos apostando pola calidade persoal, baseada na confianza e colaboración entre o alumnado, as familias e o grupo de docentes.

Oferta educativa e vantaxes

A oferta desta etapa na nosa Escola abrangue tres opcións nas que o alumnado poderá escoller entre os seguintes itinerarios: o Bacharelato de Ciencias, o Bacharelato de Ciencias Sociais e o Bacharelato de Humanidades.

Unha das vantaxes é o número de alumnos e alumnas por aula, onde contamos como moito con 28 alumnos nas materias comúns (e un número menor nas optativas). Deste xeito a proximidade entre docente e discente favorece a adquisición de contidos e aptitudes, o que fai que a aprendizaxe sexa moito máis proveitosa e individualizada.

Por último, pensamos que o éxito do noso alumnado reside na capacidade para acompañar as metas académicas dunhas calidades persoais excelentes nas que o diálogo, o respecto cara ás opinións dos demais e a loita pola diversidade son factores imprescindibles para o seu desenvolvemento persoal e a construción da súa personalidade.

Personaxes que dan nome ás nosas aulas de bachalerato