Nado en Goián1931-Vigo 2001. Pintor impresionista galego, cuxas obras plasman, principalmente, as paisaxes do contorno do Baixo Miño. Cultivou un impresionismo lírico e evocador. Foi un dos paisaxistas máis representativo da pintura galega da segunda metade do S. XX, definido por moitos como o gran mestre da luz e da cor, malia que tamén realizou retratos, destacando polas súas cores intensas e delicadas.

Con trece anos recibiu clases do pintor Antonio Fernández Gómez e foi instruído por este durante dous anos no debuxo a lapis e carbonciño antes de comezar a pintar os seus primeiros cadros ao óleo.

Durante os anos seguintes, viaxa por España ollando a obra de artistas como “El Greco”, participando en varios concursos e certames artísticos, ata que recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra e do concello de Tomiño, grazas as cales marchou estudar arte a Madrid. En 1951 ingresa na “Escuela Superior de Bellas Artes de San Fernando”, asistiu a clases no Círculo de Bellas Artes, e organizou, xunto con Francisco Góngora, unha exposición de pintura en Madrid, e outra en Pontevedra

Tras unha viaxe a Francia, en 1953 recibe o Premio “Carmen del Rocío”, e partirá a Italia para coñecer a obra dos grandes mestres do Renacemento, e tamén aos Países Baixos e outros países para observar as obras flamengas. Remata os seus estudos en 1956, e en 1963, expón en Ourense, onde coñece a Carmela, a súa futura muller.

Formou parte dun grupo de artistas que Vicente Risco denominou Os Artistiñas (a comezos dos anos 60 e da que formou parte con Xaime Quesada, Acisclo, Xose Luis de Dios, Buciños, Virxilio e Baltar), foi membro do xurado na Bienal de Pontevedra, estivo no comité asesor de arte de Caixavigo (institución á que fixo importantes doazóns). En 1996 foi elixido académico da Real Academia Galega de Belas Artes.

Foi un artista culto, próximo a correntes europeas, gran coñecedor da arte universal e un viaxeiro incansable pero fortemente ligado ao Baixo Miño do que era orixinario e a Vigo, cidade na que fixou a súa residencia.

Foi un gran defensor da identidade galega, moi comprometido socialmente cos movementos culturais e sociais da súa época, promovendo, dinamizando e apoiando multitude de actividades, sendo membro ademais de diversas Institucións:

Formou parte do padroado de:

  • Fundación Pedrón de Ouro.
  • Fundación Mondariz-Balneario.
  • Fundación Xoan Piñeiro.
  • Impulsor e director da Beca de Paisaxe da Fundación Mondariz-Balneario.
  •  Impulsor das exposicións da Praza da Princesa en Vigo.
  • Cofundador da “Estampa Popular Galega”