Pitágoras de Samos (582 a.C. – 496 a.C.) foi un filósofo e matemático presocrático, considerado o pai das matemáticas. É coñecido por ser o fundador do pitagorismo, escola filosófica e relixiosa creada en Crotone (ao sur de Italia) que tivo moitos seguidores, coñecidos como os matematikoi.

Os membros desta sociedade caracterizábanse pola súa dedicación ao estudo das matemáticas e por practicar un tipo de vida comunitaria de fortes resonancias órficas que seguían un código de segredo que dá como resultado que Pitágoras sexa hoxe unha figura misteriosa do que non se coñece ningunha obra por escrito, polo que nos resulta imposible distinguir entre as achegas de Pitágoras e as dos seus discípulos matematikoi.

Os pitagóricos consideraban que os números posuían una serie de propiedades, algunhas das cales seguen mantendo a súa vixencia hoxe en día, tales como os números pares e impares, números triangulares, perfectos etc. Porén, tamén consideraban outras propiedades dos números que hoxe en día non son tidas en conta, como números femininos e masculinos, bonitos e feos etc.

As achegas da escola pitagórica abarcan numerosos campos como a astronomía, onde Pitágoras xa ensinaba aos seus discípulos que a Terra era una esfera no centro del Universo e que a Lúa posuía una órbita inclinada cara ao ecuador da Terra.

Sobre a música, Pitágoras observou que as cordas dun instrumento musical vibraban producindo tons harmónicos cando as proporcións das lonxitudes das cordas eran números enteiros.

Pero, sen dúbida ningunha, as maiores achegas de Pitágoras e os matematikoi encontrámolas no ámbito xeométrico, campo onde descubriron que a suma dos ángulos interiores dun triángulo era igual á suma de dous ángulos rectos e, sobre todo, o teorema de Pitágoras que establece que nun triángulo rectángulo o cadrado da hipotenusa é igual á suma dos cadrados dos catetos.