No século XVIII o espírito ilustrado e patriótico dalgúns galegos dá os primeiros pasos na recuperación da conciencia idiomática. Figura senlleira desta época é frei Martín Sarmiento.
Pedro Xosé García Balboa, coñecido como Frei Martín Sarmiento, naceu en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finou en Madrid o 7 de decembro de 1772. Foi un relixioso que destacou pola súa constante defensa da nosa lingua desde unha perspectiva ilustrada. A el debemos a primeira noticia documentada da literatura galega medieval e as primeiras pescudas sobre o nacemento da nosa lingua, o galego.
A súa familia, de orixe nobre, trasladouse a Pontevedra aos poucos meses de nacer. O 3 de maio de 1710, aos quince anos, mudouse a Madrid para ingresar na orde beneditina. Máis adiante, desde 1714 ata 1717, residiu en Salamanca para estudar Teoloxía, e alí é onde adoptou o nome de Martín Sarmiento. Xa en 1725, tras unha curta estancia en Pontevedra para visitar a súa nai, Sarmiento estableceuse en Madrid; residencia só interrompida entre febreiro de 1726 e maio de 1727 para se trasladar a Toledo e mais polas frecuentes visitas a Galicia.
Desde 1723 coidou a súa amizade co Pai Feixoo, mantendo correspondencia ata a súa morte. Desta etapa é “Demostración Crítico-Apologética del Theatro Crítico Universal” (1732), a única obra que publicou en vida. Ademais, realizou na capital española numerosas composicións por encomenda de diferentes persoas e institucións. É o caso das “Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles”, que viu a luz de xeito póstumo en 1775. Por outra banda, a instancias de Sarmiento creouse o Real Xardín Botánico de Madrid e, desde 1743, reclamou a creación de bibliotecas públicas e xardíns botánicos en diversas cidades, á imaxe dos que xorden na Europa da época, así como a constitución da Academia da Agricultura e a dotación de cátedras universitarias de Historia Natural, Agricultura e Botánica.
Unha das preocupacións de Sarmiento foi o coñecemento científico do idioma galego, que recolleu en varios traballos de campo e estudou en numerosos escritos. O interese filolóxico de Sarmiento polo galego herdouno o frade da mesma orde frei J. Sobreira (1746-1805).
Foron de gran importancia as súas viaxes a Galicia, a de 1745 e a de 1754, desde a súa viaxe de sete meses a Galicia en 1745 a nosa cultura e lingua convertéronse no principal centro de interese do ilustrado. Tratábase de verdadeiras expedicións científicas pensadas para describir a nosa riqueza patrimonial. Así, Sarmiento foi unha das primeiras voces en reivindicar a capacidade do galego para expresarse en todos os ámbitos -ensino, traballo ou liturxia-. Considerado precursor da moderna filoloxía románica, o núcleo fundamental dos escritos de Sarmiento pertence ao terreo lexicográfico. No ano 1748 foi elixido abade do seu Mosteiro de San Martín, de Madrid. A partir de entón, centrou o seu interese na etimoloxía galega. Proba deste labor é o seu “Onomástico etymológico de la lengua gallega”.
Como xa dixemos, outra das preocupacións de Sarmiento foi a situación de marxinación social do galego. En numerosos lugares denuncia que o galego non sexa a lingua da alfabetización, da Administración e da igrexa, tal como se pode observar no seguinte texto: “O catedrático non ha deixar pasar un día sen adquirir unha nova voz galega, ou de viva voz ou por escrito, para aumenta-lo onomástico galego. En segundo lugar, cada discípulo debe se-lo encargado de concorrer cada día con media ducia de voces galegas das que sente, xa de cousas naturais, xa de cousas artificiais. Antes era delito que un estudante galego soltase una voz galega… Iso no meu sistema ha de ser moi laudable”.
O Pai Sarmiento é recoñecido como un dous intelectuais máis lúcidos e completos da Historia de Galicia. Son coñecidas as súas achegas en campos tan diversos como a Filoloxía, a Botánica, a Historia, a Xeografía e as súas indagacións en cada unha desas ramas do saber seguen sendo obxecto de distintas análises e estudo por parte de afamados investigadores actuais. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.
Bibliografía
https://academia.gal/figuras-homenaxeadas/-/journal_content/56_INSTANCE_8klA/10157/14267
http://estudiosgallegos.revistas.csic.es/index.php/estudiosgallegos/article/viewFile/118/120
https://es.wikipedia.org/wiki/Mart%C3%ADn_Sarmiento
http://www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/DXPL/herdada/herdada/lingua.pdf