Xosé Neira Vilas naceu en Gres (Vila de Cruces, Pontevedra) en 1928. Como fillo de familia campesiña humilde traballa no campo desde neno, realiza estudos de Comercio e en 1949 emigra a Arxentina, en cuxa capital, Bos Aires, percorre os traballos máis dispares e paulatinamente entra en contacto coa cultura galega e os seus intelectuais exiliados, o que fará que tome conciencia da realidade de Galicia.
Na obra narrativa de Neira Vilas é preciso distribuír os seus textos en dous conxuntos, segundo os escriba en Galicia ou na emigración americana. Dentro do primeiro convén distinguir as obras de protagonismo infantil e as de protagonismo adulto. No primeiro caso temos Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho
A súa primeira novela, Memorias dun neno labrego, publicada en Bos Aires en 1961, converteuse no libro máis lido de toda a historia da literatura galega. No ano 1999 publicouse a vixésima edición da autobiografía de Balbino, o protagonista do relato, e foi traducido en varios idiomas.
Balbino é un rapaz que viviu nunha aldea galega contra os anos corenta. Nun simple caderno de escola escribe os seus sentimentos e reflexións como un xeito de fuxir do pechado mundo no que vive e de denunciar as inxustizas que ve. As palabras coas que comeza a novela son xa un clásico da nosa literatura: “Eu son… Balbino. Un rapaz da aldea. Como quen dis, un ninguén”.
A narrativa do campo galego de protagonismo adulto iníciase con dous libros de contos publicados con varios anos de diferenza: Xente no rodicio (1965) e A muller de ferro (1969). A terceira obra deste grupo é Querido Tomás (1980). Ao metaxénero da narrativa da emigración Neira Vilas achega tres obras: Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968) e Remuíño de sombras (1973).
Dúas obras teñen un carácter especial, Lareira (1973) e Nai (1980). Ambas as dúas están construídas por pequenas unidades sen valor narrativo, nas que Neira Vilas desprega toda a súa gran capacidade expresiva, logrando unha prosa de alto valor poético.
Neira Vilas escribiu tamén libros para nenos, entre os que destacan Espantallo amigo (1971), O cabaliño de buxo (1971), A marela Taravela (1976), Contos vellos pra rapaces novos (1983) e Chegan forasteiros (1992). En colaboración coa súa muller, Anisia Miranda, publicou un libro de de cancións e poemas titulado Cantarelas e contos prá xente miúda (1975).
Con Galegos no Golfo de México (1980) Neira Vilas realiza unha achega de grande interese á historia da emigración. A súa poesía móvese dentro do que se coñece como poesía social ou de testemuño, neste caso comprometida co destino de Galicia.
É un escritor monolingüe que publicou sempre en galego. Ao longo da súa vida recibiu moitos recoñecementos, como o Premio da Crítica Española en 1978, o Pedrón de Honra en 1986, a Medalla Castelao en 1988 ou o Premio da Federación de Libreiros de Galicia en 1999. Alén diso, foi nomeado académico da Real Academia Galega no pleno celebrado o 2 de xuño de 2001. Neira Vilas finou na súa casa de Vila de Cruces o 27 de novembro de 2015, aos 87 anos de idade. Tralo seu pasamento a súa cadeira na Academia foi ocupada por Marilar Aleixandre.