Antonio Raimundo Ibáñez, máis coñecido hoxe como “marqués de Sargadelos” nace o 17 de outubro de 1749 en Ferreirelas (Oscos, Asturias). O seu pai era escribano, de orixe fidalga, pero con moi poucos recursos.

O futuro marqués chegou a Galicia no ano 1767 e inicia os seus negocios en 1770. Prodúcese unha reactivación económica en Galicia na que se crean mercados que é necesario cubrir; hai unha demanda suficientemente estabilizada que reclama a imaxinación e o entusiasmo dun gran empresario. Esta situación facilita que se convertese no creador do primero gran complexo industrial de Galicia formado primeiro por unha siderurxia (década de 1790), á que cara 1806 engadíuselle unha fábrica de louza. Foi o creador dos primeiros altos fornos de iniciativa civil que houbo en España.

O que marcou a diferenza entre Ibáñez e outros comerciantes da súa época é o salto que dá do comercio á inversión nunha gran instalación industrial (aínda que non hai que esquecer que o fai asociado ao burgués compostelá José Andrés García, que lle axuda a financiar Sargadelos). Os datos indican que o empresario non atopa contradición algunha entre buscar os seus intereses e, ao mesmo tempo, promover o desenvolvemento da comarca; probablemente era sincero cando defendía a utilidade social das súas iniciativas, e en certo modo hai que recordar que o nacente liberalismo sostiña que o interese particular non estaba rifado co ben común.

En 1774 casa con Josefa de Prada. Nese mesmo ano é elixido deputado do común, cargo do Concello cuxa misión principal consistía en defender os intereses do pobo. Anos máis tarde é designado para os cargos de comisario de Mariña (1794), oficial graduado de Artillaría (1798) e, por último, inspector xeral do corpo de Artillaría. Durante o ano 1808 -pouco antes recibira a gran Cruz de Carlos III-, e a partir da Guerra da Independencia, forma parte da Xunta de Ribadeo. Nese mesmo ano Carlos IV concedeulle os títulos de marqués de Sargadelos e conde de Orbaiceta.

A súa morte é unha das páxinas máis escuras da historia de Galicia: foi asasinado. O catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela,  Pegerto Saavedra, defende que a súa morte nada tivo que ver co afrancesamento do que se fala nalgúns textos sobre a personaxe do marqués, senón que esa foi a escusa. O devandito catedrático sostén a hipótese de que a súa morte foi,, en realidade, o epílogo do motín popular de 1798: o que ata entón non conseguiran os seus numerosos inimigos, atoparon ocasión de levalo a termo nas circunstancias turbulentas de comezos de febreiro de 1809. O asañamento co seu corpo na aldea de Dompiñor, o anonimato dun crime cometido a plena luz do día e a frialdade da partida de defunción redactada polo reitor da parroquia Ribadeo, dan idea de que había unhas ansias de vinganza que viñan de moi atrás.

Ibáñez, capaz de consolidar as empresas máis arriscadas, foi incapaz de consolidar os afectos dos seus veciños.

É lóxico que existan sombras na biografía dunha persoa que, como moitas outras da súa época, non deixou documentos do tipo de memorias ou diarios, e que ata a posta en marcha da siderurxia era un comerciante de certa importancia, pero de menos caudal que outros de Santiago ou Coruña. A súa actividade hai que reconstruíla a través da documentación notarial, xudicial e doutra natureza (memoriais, expedientes…). Se hoxe en día estamos relativamente ben informados das súas peripecias é grazas, sobre todo, ao historiador coruñés años Antonio Meijide Pardo, cuxos “Documentos para la historia de las reales fábricas de Sargadelos” son fundamentais.