Homenaxe á nosa xente. Galicia é un recuncho, unha esquina, da Península Ibérica que ten dúas fachadas mariñeiras ao Atlántico, un mar aberto de abundante pesca, pero tamén de tormentas fortes e tempestades feras. Os galegos desde os tempos puxeron cara ao mar e saíron a marear enseguida. Uns fixérono para pescar os nosos saborosos peixes e outros para ver que había máis aló do alén.
Sempre hai algún galego nas tripulacións dos barcos que asucan os camiños dos océanos. Son moitos os que andan a faenar nos grandes bacaladeros e buques factorías, que tratan de xuntar peixes para levar aos mercados de todos os países. Vigo é unha cidade mariñeira, Vigo naceu do mar e vive cara o mar. O Vigo antigo ten as raíces no Berbés. Todos deberían saber que de alí partimos até chegar á cidade que hoxe temos.
A xente do mar, como cidade mariñeira que somos, merece o respecto de todos. Oficio duro entre os que haxa e que marca xa non a traxectoria dos que viven máis pegados á costa, senón que marcou toda a traxectoria dun pobo. Tanto os galegos que saíron a faenar como os que se embarcaron para atopar unha vida sen tantas penurias, souberon atopar neste medio unha oportunidade que se negaba por outras vías. Os galegos atopamos no mar as estradas que non se puideron trazar cara o interior da península.