Juan Rof Codina naceu en El Prat de Llobregat (Barcelona) o 31 de agosto de 1874 e morreu en Lugo o 17 de xuño de 1967.

Fillo dun ferreiro catalán e pai do prestixioso médico e ensaísta Juan Rof Carballo, estudou veterinaria en Madrid e en 1898 opositou ao corpo de Sanidad Militar, circunstancia esta moi frecuente nos veterinarios da época por falta de saídas profesionais dignas, antes da organización do servizo estatal de hixiene pecuaria. O seu primeiro destino foi Lugo, cidade na que estableceu contacto co país ao que dedicaría o resto da súa vida. Neste observatorio naceu o interese polos problemas gandeiros de Galicia. O seu introdutor nestas cuestións foi o veterinario Ramón Concha uns anos despois. En 1901, tras un problema disciplinario cun superior, é trasladado a Granada, pero conseguirá regresar ao ano seguinte. Non obstante, tras ascender ao grao de capitán, solicitou a excedencia. O seu temperamento e a súa tenacidade chaman a atención dende o inicio da súa actividade profesional.

Rof Codina é seguramente o máis coñecido dun amplo grupo de técnicos  agropecuarios que, tendo en común non ser galegos, traballaron arreo a prol da renovación técnico-produtiva da agricultura galega ao longo do século XX, pero en especial nas favorables condicións sociais e políticas anteriores ao golpe de estado de 1936. De formación esencialmente autodidacta, a súa actividade tivo dous eixos moi claros: por unha banda, a aplicación e a divulgación de novidades zootécnicas e a posta en práctica de medidas de hixiene pecuaria que redundaran nunha mellora substancial do continxente gandeiro; por outra, a organización e a valorización da profesión veterinaria nun contexto no que a acción do Estado era aínda escasa. 

Publicista incansable, escribiu o seu primeiro artigo sobre a gandería galega nun xornal lugués en 1899, ao que seguirían arredor de tres mil traballos ao longo da súa fecunda vida. A colaboración cos grupos organizados de técnicos agraristas, xunto á súa preocupación pública pola organización e mellora do mundo agrario, máis alá do que atinxía estritamente á súa profesión, levouno a participar de cheo no movemento agrarista, especialmente en Solidaridad Gallega e en case todas as asembleas agrarias galegas; así como a colaborar activamente con sindicatos, sociedades agrarias e sociedades de seguros mutuos gandeiros. O seu activismo social seguiu todos os camiños que a súa longa vida lle permitiu e por iso, andando o tempo, foi tamén un dos máis destacados participantes da tertulia do Hotel Méndez Núñez, xunto a outros recoñecidos lucenses como Ánxel Fole, Luís Pimentel ou Manuel María.

Nas primeiras oposicións ao recén creado corpo de Inspector de Higiene Pecuaria obtivo a segunda praza -detrás do seu amigo Gordón Ordás- e escolleu a praza da Coruña, onde residirá dende 1910 e onde o seu traballo acadará unha nova dimensión. Aquí vai colaborar con Hernández Robredo no programa de mellora pecuaria deseñado desde a Granxa coruñesa, en colaboración con medios agraristas. Tamén exerceu a docencia na Granxa coruñesa a raíz da instalación da Escola de Peritos Agrícolas entre 1919 e 1923. Foi divulgador e vulgarizador de todo tipo de cuestións relacionadas coa gandería en toda a súa amplitude, das instrucións zoosanitarias á avicultura, aínda que tanta diversidade non agocha, sen embargo, a preferencia pola mellora do gando bovino, na procura de que o agro galego se especializara en produción gandeira.

En 1932, no tempo da República, ocupou o máximo cargo na Inspección de Higiene Pecuaria, á vez que a profesión veterinaria lograba por fn crear a Dirección General de Ganadería, co impulso, entre os principais, de Rof Codina e Gordón Ordax. O golpe de estado de 1936 sorprendeuno en Leipzig, no VI Congreso Mundial de Avicultura. Volveu a España polo territorio leal, para xuntarse coa familia en Madrid, onde permaneceu toda a guerra como Director Xeral de Gandería. Esta lealdade republicana valeulle un novo expediente e un novo desterro, en aplicación da Lei de Responsabilidades Políticas, cuxas consecuencias esténdese ao longo da Ditadura, sendo obrigado a xubilarse polas autoridades franquistas en 1944. Nin por iso minguou o seu activismo divulgador desde a Estación Pecuaria de Lugo ou desde a súa Cátedra Ambulante de Divulgación Pecuaria, coa que seguiu a percorrer toda a provincia luguesa.

Ao longo da súa carreira escribiu multitude de traballos científcos e de divulgación, coa intención de difundir as novas teorías e innovacións agropecuarias.

Foi colaborador habitual de diferentes medios xornalísticos: La Vanguardia, La Voz de Galicia -onde se encargou da sección Galicia Pecuaria- ou El Progreso, entre outros.

Participou en iniciativas culturais, como a oposición ao derrubamento da muralla romana da cidade de Lugo na década dos vinte, cando logrou disuadir aos impulsores da idea cun cálculo detallado dos carros do país que serían necesarios para levar a cabo a operación de trasladar a pedra aos portos da Coruña e Vigo, e máis do espazo físico necesario para efectuala. En 1964 foi nomeado Lucense do Ano e concedéuselle a Medalla de Ouro da Asociación Nacional Veterinaria un ano despois. Na súa memoria, o actual Hospital Clínico Veterinario de Lugo, e unha das aulas do noso centro, leva o nome do fllo daquel ferreiro de El Prat de Llobregat.