Celso Emilio Ferreiro Míguez naceu en Celanova o 6 de xaneiro de 1912 e morreu en Vigo o 31 de agosto de 1979. Foi escritor e político, cultivou a poesía e tamén a narrativa, en forma de novela e memorias. O seu poema “Longa noite de pedra”,   converteuno no máximo expoñente da poesía social na literatura galega.

Na súa mocidade Celso Emilio comezou a achegarse á poesía e á política e entrou en contacto co Grupo Nós. Obrigado a incorporarse ao exército franquista e  durante un permiso en Celanova en 1937 foi detido e condenado a morte por manifestar en público a súa opinión contraria ao réxime. Aínda que finalmente non foi executado, pasou encarcerado no mosteiro de Celanova varias noites que abondaron para axudarlle a concibir a súa obra máis importante, Longa noite de pedra.

 Dende o ano 1941 ata 1950 viviu en Pontevedra onde participou activamente na vida cultural da cidade e colaborou na primeira editorial que, pasada a guerra, publicou libros galegos en Galicia.

No ano 1943 casou e en 1949 estableceuse en Vigo como procurador e alí viviu ata 1966. Nestes anos consolidouse como poeta e home da cultura, trabando amizade con personalidades da época coma os irmáns Álvarez Blázquez, o pintor Laxeiro ou o escritor e académico Francisco Fernández del Riego. Colaborou en varias publicacións coma o Faro de VigoLitoralVieiros e codirixiu a revista de poesía Alba (1948-56), escribiu O soño sulagado (1954) e dirixiu a colección de poesía Salnés, na editorial Galaxia, que publicou en 1962 Longa noite de pedra.  

 Sen esquecer os seus intereses políticos, participou en 1964 da fundación da organización marxista e nacionalista Unión do Pobo Galego (UPG), xunto con Méndez Ferrín e Lois Soto.

No ano 1966 emigrou a Caracas. Celso Emilio agardaba encontrar na emigración unha Galicia organizada e combatente, mentres que o que atopou foi un grupo reaccionario e antidemocrático que conseguiu facerse co poder. Así, esta situación inspiroulle os poemarios Viaxe ao país dos ananos e Cantigas de escarnio e maldicir.

Xa en 1973 regresou da emigración e instalouse en Madrid, onde se dedicou por completo á actividade literaria e xornalística. Traballou de corrector de estilo, participou nos faladoiros do Café Gijón e colaborou en distintas publicacións periódicas. No ano 1974 rachou coa UPG, e afiliouse ao Partido Socialista Galego.

A morte sorprendeuno nunha das súas estadías estivais en Galicia e os seus restos foron soterrados na súa vila, Celanova.

Fonoteca

https://celsoemilioferreiro.org/es/fonoteca-2/