Naceu na localidade pontevedresa de O Porriño o 8 de xaneiro de 1874. E aínda que sentía, dende ben pequeno, paixón pola pintura e a escultura, finalmente en 1892 decidiu trasladarse a Madrid para estudar arquitectura. Quizais a profesión do seu proxenitor -axudante de Obras Públicas no ferrocarril que unía Guillarei con Valença do Minho- determinou a súa decisión académica. Alí foi onde se converteu na máxima referencia da arquitectura española de principios do século XX, deixando o seu sinal en emblemáticos edificios que hoxe son monumentos históricos.
Os edificios de Palacios “transformaron a principios do século XX Madrid, unha modesta poboación, nunha gran cidade”, escribe o arquitecto Jacobo Armeiro no seu libro ‘Antonio Palacios, construtor de Madrid’. O seu legado son obras monumentais como o Palacio de Comunicacións, o Círculo de Belas Artes, o Instituto Cervantes, o Casino de Madrid ou a Casa Matesanz. Foi o arquitecto encargado do deseño de interiores das primeiras estacións do Metro de Madrid, organizou os accesos e a estética das primeiras liñas e creou o seu popular logotipo en forma de rombo.
A pesar do triunfo e de manter estudo en Madrid, precisamente no edificio de Belas Artes, Palacios non se esqueceu do seu Galicia natal, onde deixou belas mostras da súa creatividade e importancia. Así, a vocación metropolitana e a rexionalista van tendo diferente intensidade ao longo da súa obra. Exemplos desta última etapa en Galicia, son, o teatro García Barbón de Vigo, convertido hoxe en centro cultural, o Balneario de Mondariz, que recuperou o seu esplendor nos últimos anos. A casa do concello do seu Porriño natal. O Templo da Veracruz de Carballiño –custeado pola emigración galega en América- e o Templo Votivo do Mar de Panxón. Tamén é autor da central hidroeléctrica do Tambre en Noia, recuperada para usos turísticos na actualidade, o Monumento Virxe da Roca en Baiona e a Fonte do Cristo no Porriño ou a Botica Nova na mesma localidade.
Virtuoso, moderno e persoal, o estilo de Antonio Palacios é difícil de clasificar e foi criticado por permanecer alleo ás correntes arquitectónicas do momento. Palacios fundamentou o seu estilo no proceso construtivo artesanal e apiñar pedra en cru, case sen tallar. Buscando texturas rudas nas fachadas, en contraste coas súas formas arquitectónicas. O estilo de Palacios fundaméntase nunha elección moi persoal do material construtivo, así como na súa combinación. Mediante esta elección proporciona expresividade ás fachadas. O seu material preferido é o granito. En moitos casos a presentación directa da pedra é evidente. Era a súa opinión que “a imaxe dun edificio non podía vincularse ao sentir efémero da moda”.
Bibliografía
http://www.antoniopalacios.es/biografia.html
https://descubrecadadia.blogspot.com/2019/01/porrino-y-la-obra-de-antonio-palacios.html
https://gl.wikipedia.org/wiki/Antonio_Palacios_Ramilo
https://galicia.swred.com/palacios.htm
http://www.galiciaunica.es/antonio-palacios-la-fantasia-modernista/