Alexandre Bóveda Iglesias naceu en Ourense, 7 de xuño de 1903. Desde neno falaba francés e tiña coñecementos de contabilidade e matemáticas, algo inusual para a súa idade. Estudou peritaxe mercantil na Coruña por libre ao mesmo tempo que impartía clases nun colexio de Ourense. Asiduo lector da Revista Nós, revista impulsada por Vicente Risco e con Castelao de asiduo colaborador, pronto comezou a escribir en La Zarpa de Basilio Álvarez, onde se dá a coñecer ao mundo como un gran comunicador.

Cando aínda non cumprira vinte anos, presentouse a unhas oposicións ao corpo de técnicos de Facenda. Sacou o número uno, e o entón Ministro de Facenda José Calvo Sotelo ofreceulle un relevante posto en Madrid. Bóveda rexeita a oferta e regresa a Galicia para traballar na Delegación de Facenda de Ourense. Tras probar outras oposicións, ocupa en Pontevedra o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos.

Pronto toma contacto co faladoiro que presiden Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez. Ambos o introducen na política e noutros campos como a Coral Polifónica onde coñece a Amalia Álvarez Galego, coa que casará en 1930 e coa que terá cinco fillos.

Recentemente estreada a súa trintena, Bóveda convértese nunha das figuras fundamentais na fundación do Partido Galeguista. Castelao chegou a definirlle como o “motor” da formación. O ideario do partido baseábase nunha serie de principios nacionalistas; a defensa da autonomía galega e da personalidade política de Galicia, pero tamén defendía o cooperativismo e o europeísmo. Nesa época, foi nomeado delegado na comisión do Seminario de Estudos Galegos que se encargaría de redactar o Estatuto de Autonomía de Galicia, nos últimos anos da República.

En 1933 é elixido membro central do comité da Autonomía presidida por Bibiano Fernández-Osorio Tafall. O 20 de outubro de 1934 ,impóñeselle destino administrativo forzoso na Delegación de Facenda de Cádiz. Regresa en 1935 a Galicia tras obter unha praza na Delegación de Facenda de Vigo.

En 1936 participa na campaña electoral, acode como candidato da Fronte Popular pola provincia de Ourense mentres toma posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra.

Bóveda foi unha das figuras máis representativas da defensa nacional de Galicia e, por iso, un dos primeiros represaliados polo franquismo en Galicia. Detivérono o 20 de xullo de 1936, apenas dous días despois do levantamento golpista, sometérono a un procedemento sumario en poucas semanas e condenárono á morte o 14 de agosto do mesmo ano.

No devandito xuízo, manifestou o seu desexo de ser enterrado baixo a bandeira galega con estas palabras:

“A miña patria natural é Galicia. A amo fervorosamente, xamais a traizoaría, aínda que me concedesen séculos de vida. Adóroa máis aló da miña propia morte. Se entende o tribunal que por este amor entrañable debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galicia e faría máis se puidese. Se non podo ata me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado, se o tribunal xulga que debo selo.”

O 17 de agosto de 1936 no monte pontevedrés da Caeira foi fusilado. Puido despedirse o día anterior de amigos, familiares, dos seus pequenos fillos e da súa esposa, embarazada da súa última filla. Ao parecer, esa noite leu a Rosalía. Tiña 33 anos.

Bóveda desexaba morrer baixo a bandeira galega. Como era de supoñer as autoridades franquistas non o toleraron, pero o seu íntimo amigo, Xosé Sesto, conseguiu meterlle unha bandeira na chaqueta antes de ser enterrado no cemiterio de San Amaro.

Alexandre Bóveda conta hoxe con monumentos repartidos por toda Galicia, unha fundación destinada a promocionar o seu legado e tamén bautiza unha cátedra da Universidade de Vigo dedicada a promover investigacións e estudos sobre Galicia no ámbito das ciencias sociais, a economía e o dereito.

Bibliografía

https://contrainformacion.es/82-anos-del-asesinado-de-alexandre-boveda/
https://elpais.com/diario/2011/08/17/galicia/1313576297_850215.html
https://es.wikipedia.org/wiki/Alexandre_B%C3%B3veda
https://www.nuevatribuna.es/articulo/historia/alexandreboveda/20160818124812131023.html
https://www.publico.es/…/historia-alexandre-boveda