Ai ondas que eu vim veer,
se me saberedes dizer
por que tarda meu amigo sem mim?
Ai ondas que eu vim mirar,
se me saberedes contar
por que tarda meu amigo sem mim?
A vida do xograr Martín Codax é un misterio e sabemos que estivo activo a mediados do século XIII. aínda que é un dos dous únicos autores presentes nos cancioneiros medievais cuxas composicións medievais se conservaron tamén nun manuscrito individual. Deste grandísimo poeta conservamos unicamente sete composicións.
As propostas máis antigas e tradicionais para a explicación do seu apelido ven en Codax ou Codaz un alcume (a partir de codex, códice, codo, cotovelo, codazzo, cauda, por exemplo), e as investigacións suxiren que se podería tratar dun patronímico ou dun topónimo. O seu apelido parece excluír a hipótese de que pertencese a un status social elevado. Seica foi un xograr ou segrel, probabelmente ligado a Vigo, localidade repetidamente cantada nas súas composicións.
En 2018 Ron Fernández descubriu novos datos documentais referidos á existencia do apelido, coa forma Codaz, en dous documentos do mosteiro de Santa María de Oia (datados en 1275 e 1278), ambos os dous relativos á venda dunha viña de Fernán Codaz, personaxe que se cre que puido ser un irmán do xograr Martín. A situación da viña, en Sandián, no actual concello do Rosal, sitúao claramente no sur de Galiza, moi preto do río Miño.
Ademais Pedro Vindel descubriu en 1914 un folio de 34 x 46 cm, datable a finais do s. XIII ou comezos do XIV, que contén sete cantigas coa notación musical de seis delas. Este texto constitúe o único texto musical da literatura medieval profana conservado.
O pergamiño Vindel presenta, sobre os apógrafos italianos, a vantaxe de manter a grafía orixinaria galega. Na obra de Martín Codax quíxose ver unha crónica de auténticas vivencias persoais. A cantiga de amigo é esencialmente monolóxica. Nela non se relata unicamente un suceso senón que se evoca un estado de ánimo. Entre o desexo e a súa realización interponse os sentimentos contraditorios de angustia desesperada e de alegría esperanzada, froito da tensión entre a presenza e a ausencia do amigo. Debido a iso na obra codaciana obsérvase unha emotividade contraditoria e inestable. Nas sete cantigas de Martín Codax destacan os motivos das ondas do mar como mensaxeiras ou mediadoras entre a amiga e o seu amado, do baño nelas e dos namorados mirándoas.
As sete composicións de Martín Codax son cantigas de amigo de refrán, como arquetípicas. Os versos alternan entre heptasílabos e octosílabos. As demais composicións presentan versos hexasílabos, heptasílabos, decasílabos e tridecasílabos, agás no refrán.
A enorme cantidade de gravacións musicais existentes das cantigas de Martim Codax demostra a popularidade da que gozaron as súas composicións. Na seguinte ligazón pódense escoitar moitas versións musicais das súas cantigas: