O traballo da pedra é tan antigo como o home e a súa importancia na nosa
terra queda explicada pola abundancia e calidade da materia prima. Dolmens e castros dan testemuño da habilidade constructiva e da antigüidade deste oficio.

Nos séculos XI e XII, Compostela deulles ocasión de exercer a súa profesión a numerosos artistas que se reuniron en torno á obra da Catedral.

No XVI produciuse unha gran mudanza coa chegada de moitos traballadores de fóra de Galicia, o que supuxo o anovamento de modos constructivos, instrumentos, costumes, cancións, vocabulario…

A recuperación do traballo da cantería é un feito na actualidade gracias ó labor desenvolvido polas escolas-obradoiro. En Galicia está a rexurdir hoxe unha xeración de artesáns que colabora na recuperación do patrimonio cultural, participa na construcción de novos edificios en pedra e asegura a continuidade deste oficio.


No traballo da pedra, cómpre diferenciar o labor de pedreiros e canteiros. Os primeiros facilitábanlles a materia de traballo ós segundos, aínda que eran moitos os canteiros -sobre todo no campo- que arrincaban a pedra que precisaban.

A xornada daba comezo cara ás 6 da mañá, cando se encamiñaban ó traballo coa súa indumentaria característica: sombreiro de lá calado, camisa, escapulario e fita encarnada enrodelada ó pescozo, chaqueta ou casaca, cirolas ou calzóns de algodón a raias e todo o seu arsenal de ferramentas ó lombo.

Ás 8 parábase para almorzar, e a mediodía o que dirixía a tarefa empregaba a verba ¡Abalou…! para indicar que era o momento de comer e descansar media hora.

Era frecuente que os canteiros sufrisen feridas nas mans e nos ollos. Lavaban as feridas das mans con ouriños ou augardente e colocaban por riba -para evitar hemorraxias- po da pedra que traballaban, cinza de tabaco, teas de araña ou follas de plantas. Cando un aruxo lles entraba nos ollos, sacábano con barbas de lebre, pelos de porco, co metro ou coa punta dunha navalla.

Os canteiros e pedreiros caracterizábanse pola súa fala peculiar, que tiña como fin primordial o entendemento entre os pertencentes ó gremio, a escuridade para os outros e a salvagarda dos segredos da vida e do traballo. Só os canteiros estaban autorizados a coñecer esta lingua e a transmitila ós seus aprendices, sen que ninguén alleo á profesión puidese ter acceso ó seu coñecemento, agás a muller do canteiro.

O vocabulario desta fala está formado por palabras relativas ó traballo, ás relacións afectivas e á vida cotiá como auga, viño, día, noite, diñeiro, madeira… e outras que teñen relación co feito de beber, traballar, falar ou saber.

Os canteiros tiñan tamén algúns outros códigos secretos de comunicación, como o que consistía en dar golpes co pico na pedra, que utilizaban en casos especiais de necesidade. Outro era o de “daragua”, que consistía en pronunciar a palabra “auga” cunha entoación especial, o que significaba perigo ou alerta.

Os constructores do medievo deixaron nos muros de igrexas, pontes e perpiaños de catedrais, unha estraña linguaxe de signos con deseños moi similares en lugares tan afastados coma Baiona, Chartres, Santiago de Compostela ou Colonia. Hainos moi sinxelos: frechas, segmentos, círculos, espirais, liñas rectas… Outros amosan unha grande inventiva e fermosura; algúns aparecen sos e outros en grupo; poden ser abstractos ou representar animais, caras ou edificacións.

Ademais de levantaren casas, pazos ou igrexas, os canteiros tamén se ocupaban doutras obras, algunhas delas máis relacionadas coa devoción popular, onde tiñan a posibilidade de desenvolver todo o seu potencial artístico.

Estamos a referirnos ós cruceiros, petos de ánimas e fontes.