Entrega de Diplomas de Cambridge

Hoxe na Escola Rosalía de Castro celebramos o ben que o fixeron os alumnos que se presentaron aos exames de Cambridge Assessment English. Os 87 candidatos de YLE recibiron esta mañá o merecido certificado (con moitos escudos!) e un agasallo, ademais dos parabéns por parte de todos os seus compañeiros e profesores, que son unha peza clave na súa aprendizaxe da lingua estranxeira. Estiveron con nós tamén Ana e Santiago, da oficina central de Cambridge Assessment English en Madrid, que non quixeron perder esta oportunidade de celebrar con nós os bos resultados obtidos. 
 
Uns resultados dos que tamén deben aledarse os 78 alumnos de Secundaria e Bacharerato do centro que se presentaron ás probas de inglés de Cambridge Assessment English Key, Preliminary, First e Advanced, por ter traballado con esmero e conseguido unha notable porcentaxe de aprobados. Well done!
 
Ademais, cabe destacar que Diana, alumna de 5º de Primaria da Escola Rosalía de Castro, foi a primeira persoa en realizar o exame de Starters en Braille do “mundo mundial”. Unha vez máis, Diana demostrou que é un exemplo no que a forza de vontade e valentía se refire, dado que non só se presentou ás tres probas adaptadas (Listening, Reading and Writing e Speaking), senón que obtivo a máxima nota posible, como ben mostra o seu certificado. Debemos estar orgullosos de poder contar cunha alumna tan loitadora na nosa comunidade escolar e animala a seguir rompendo barreiras. Parabéns a Diana polo esforzo realizado e a todos os profesores, compañeiros e familiares que día a día a acompañan no seu proceso de aprendizaxe!
 
Grazas tamén a Cambridge Assessment English, por contribuír á inclusión, como non podería ser doutra maneira, ao adaptar ao Braille unhas probas moi baseadas en material visual. Todo un reto que souberon superar! Last but not least, grazas a Isabel, traballadora da ONCE, por ter colaborado no proceso de transcrición do e ao Braille e a todo o persoal implicado na xestión destas probas.
 
Para todos eles…
 
Unha estrela con luces!