Familias

O dous de febreiro de 1972 un grupo de pais de alumnos decidiron constituir a “Asociación de Pais de alumnos da Escola Rosalia de Castro”, nesta década, xustamente no ano 1974, a familia Cal, fundadora da Escola baixo a dirección de Antía Cal, inspiradora da súa filosofía pedagóxica, traspasa a titularidade da Escola e faise cargo do centro o “Patronato” do Colexio Rosalía Castro formado polos pais dos alumnos.

Un ano despois, o 12 de outubre de 1975, colócase a primeira pedra do edificio actual en Bembrive, sendo encargado deste acto simbólico Amando Priegue, nesa época presidente da Xunta Directiva. En 1979 a nosa Escola queda recoñecida oficialmente como un centro completo de EXB con Preescolar.

Nos anos 80 desaparece o Patronato, sendo remprazado pola Asociación de Pais do Colexio Rosalía de Castro, titular do centro, dirixida e representada pola Xunta Directiva da Asociación. Dita Xunta Directiva ten como misión cumprir as funcións encomendadas nos Estatutos dirixidas principalmente a optimizar o funcionamento global e específico da Escola.